Querida palabra:
Aquí un dos meus primeiros relatos, que vou presentar ao concurso do Seminario de Lingua Galega do meu instituto na categoría de conto ou relato, a ver se hai sorte:
Coia, 23 de abril de 2010
Querida palabra:
Escríbote porque hoxe é o teu día, ou iso din. Hoxe, dende hai un tempo, festexan o Día do Libro, aínda que isto só sexa un trámite burocrático. Xa sei que a ti non che gusta o carácter deste ''festexo''. Ogallá tiveras a forza que tiñas en antano agora mesmo, como cando derrubaches ditadores, deches liberdade aos oprimidos e prometiches tempos mellores.
A túa curmá, a Mentira, ocupa agora o teu lugar despois de disfrazarse. Podémola ler nos xornais, escoitala na televisión e cuspila polos políticos pero, sobre todo, en boca das persoas.
Menos mal que algúns aínda homenaxeámoste sinceramente, e non só o 23 de abril. Son todos, os 365 días do ano, os que te lemos. E cando non podemos, buscámoste. Rescatámoste do esquecemento nas bibliotecas e levámoste aos nosos escritorios, e a cama, e ao sofá e ao xardín, todo porque non queremos perderte, non queremos que a Mentira entre á túa casa e te encerre no soto. Nós queremos verte espida, íntegra e en tódolos ámbitos, en tódalas mentes, no colexio, nos parlamentos, nas redaccións e, por favor, nos bos libros.
O que pasa é que agora a xente non le, e non é que non saiba, senón que a mentira omnipresente fíxose con eles. Pensan que ti, a palabra, non es moderna! E a min dame a risa. Vese que a Mentira disfrazouse, ademais de en Palabra, en Modernidade. Si, será que eu estou tolo, e que chatear obsesivamente é a novidade. Xa ves, como dicir mentiras do estilo de ''quérote'' á xente que non aprecias, porque pola rede, iso si, todos somos amigos. E o mellor é cando é o teu aniversario e felicítante persoas que só se lembran da túa nai fora do espazo cibernético, porque o recorda a web da rede social.
E neste mundo de hipocrisía, o que se necesitan son, por riba de todo, verdadeiras palabras, das sinceras, que dan no cravo, que inspiran aos grandes, que escriben libros, que fan pensar e conciencian ás persoas, que se rebelan e que, finalmente, aniquilan á mentira.
Felicidades, hoxe, mañá e sempre; Palabra.



0 voces:
Postar um comentário